Que é Cousateca?

Posted · Add Comment

Cousateca é unha biblioteca de cousas; sen embargo tamén é moito máis. Ou isto implica moito máis: acreditar o valor de uso das cousas (dos bens en principio, pero tamén dos servicios probablemente) fronte ao seu valor de cambio. Se ben é o mercado capitalista agárrase ao valor de cambio da mercadoría como ben acumulativo, o valor de uso, xa dende Marx, ten que ver con aquelo que pragmáticamente nos aporta a cousa alén da súa aura e cotización no Mercado.

O concepto de valor de uso está amplamente avalado pola Lóxica dos comúns (commons) que atopamos en sociedades tradicionais (os procomúns de comunidades de bosques e pescadores, entre outras) mais tamén pola lóxica das licenzas libres no ámbito da Cultura e o Software Libre. Efectivamente, licenzas como os Creative Commons responden a esta lóxica e permiten abrir os recursos a relacións máis amplas, alén da dicotomía da propiedade/non-propiedade, crea vencellos con outras obras, os derivados e outras atribucións, especifica toda unha serie de grados co-creativos e intensidades de recoñecemento que non está na simple adquisición dun ben no Mercado.

Especialmente interesante é algo que se deriva da coñecida lectura que E. Ostrom fai dos commons a propósito da Traxedia dos comúns: ao inscribir os recursos na lóxica do seu valor de uso, se abre a posibilildade da comunidade; pero tamén ao mesmo tempo a necesidade dos protocolos. Deste xeito; recurso (en tanto que valor de uso), comunidade e protocolosse autocomplementan e autoprecisan mutua e reciprocamente.

Chegados aquí, hai sen embargo unha cita que gostaría de engadir a esta reflexión, tal como nos di Giorgio Agamben:

“Para quen perderon a posesión de si mesmos, o dandi, que fai da elegancia e o superfluo a súa raison d’etre, ensina a posibilidade dunha nova relación coas cousas, que vai alén do goce do seu valor de uso e a acumulación do seu valor de cambio. É o redentor das cousas, o que borra coa súa elegancia, o pecado orixinal: a mercadoría”

Agamben, Profanacións.

Redimir as cousas, profanar a mercadoría, pero non tanto caendo no que quizais sexa o outro extremo: hipervalorar o uso como se a cousa fose sempre unha praxe, e nunca un agasallo, un ben espiritual e oracular que connota tamén intensidades e afectos. Isto é tamén Cousateca; ou que tenta ser: un espazo un tanto fetichista de desexos, sublimacións e un chisco de  profanación. E así é cómo agardamos que a nosa plataforma e futura aplicación (app) poida dar conta desta(s) virtualidade(s) asociadas ao mundo físico. Nunha era repleta de cousas.